Opinión

Quen somos nós? 
Que é da dignidade sen a loita?
Que é da honra sen a liberdade?
Que é da vontade sen ter a forza?
Que é da forza sen mobilidade?
Que é do vigor sen intensidade?
Que é do berro se ninguén escoita?
Que é da vida sen solidariedade?
Que é da axuda se nada reforza?
Que é do día nunha noite longa?
Que é dos bicos sen promiscuidade?
Que é da maxia que a vida outorga?
Que é da sorte sen casualidade?
Que é do mar sen salgado aroma?
Que é do amor sen felicidade?

Xurxo Gago Chao  



CARGA DE DIGNIDADE: BALDEANDO SONHOS

Imos facer un buraco na boca do ceo, é dicir, na terra nosa de cada dia, para botar os escombros de tanta mintira Imos pintar na fronte do ceo é dicir, nos muros que soñan fiestras que sonhan buguinas que sonhan espertas os nomes de todos vós que coas mans valuras, mintístesnos. Imos facer un enorme buraco nesta escuridade de dor e de rabia de pena e de furia, de coraxe e de silenzo un enorme buraco para ver como chegan OS BARCOS COAS TRIPULACIÓNS SEN SONHO E AS ADEGAS DE DOURADAS ESTIBAS CHEAS DE DIGNIDADE e de brancos ronseles, de alta mar e de terra dentro, cheas Buguinas e guindastres, peiraos e dársenas, norays e sentinas, ancoras e bitas serán a partitura dunha cidade fondeada na boca do ceo da nosa Ría desfeita, maltreita e ferida, humillada e irredenta, asfaltada e dobregada, esquilmada sen tregua. Pero non haberá furado que valla para escondervos desta burla negra que sementastes. Sodes eses que “comem tudo E não deixam nada” Mentres tanto faremos das vosas solucións infames Unha coada coas cores que nos traen as mareas Como crebas bietas de todos os sonhos náufragos Faremos das reixas sinistras un tendal aceso Con todas os vistidos que as mans inventan Esa pel ferida e maltreita, de suciedade limpa Que como facedores de días, con alboradas tecemos. Baldearemos as sentinas empodrecidas e onde vós acumulacheis escumallos de morte, dor e inxustiza arrumaremos espranzas e adorables derrotas e coas adegas cheas de endomeábeles pensamentos, a beira deste mar de todas as beiras acenderemos as fogueiras da amizade e da vida facendo do noxo, do medo e da rabia regueifas pra voar esta escuridade que afoga.

SOMOS MOIT@S E CANDO DURMIMOS, SEGUIMOS SONHANDO NA CIDADE DOUS GUINDATRES EN ESTINCIÓN, É INAPLAZABLE: CARGA DE DIGNIDADE A MANS CHEAS.

Karlotti Valle 


Literatura cargada de dignidade

DIGNIDADE: Seriedade, decoro e nobreza na maneira de ser e de comportarse.

A contundencia declarativa desta definición do dicionario da RAG para a entrada DIGNIDADE non deixa marxe de dúbida para identificar quen na actualidade acredita, exerce, practica e actúa desde / para / por / con DIGNIDADE.

A procura da dignidade, individual e sobre todo colectiva, é un dos piares en que se asenta a función social da literatura. A escritora, o escritor observa o contorno, escoita as voces quebradas, palpa fríos, arrefríos e suores vitais e toma a palabra que vén de abaixo, socorre palabras-SOS en perigo de ficaren mudas para sempre entre as tebras da deslealdade, da indifirenza, da INDIGNIDADE.

Nacen páxinas de abaixo a arriba, de dentro a fóra dunha parte da sociedade sempre en risco severo de ficar marxinalmente invisíbel, aquela que é historicamente maioritaria e clase traballadora á que unha minoría pretende converter en diana dos seus dardos de poder cobizoso.

“A dor é a dignidade da desgraza”, deixounos escrito a ferrolá Concepción Arenal.

Dóenos a sucesión de desgrazas provocadas no tempo pola mesma man, antinatural e nada azarosa polo tanto, promovida por quen quere convencernos de que esta é unha nación pobre, dependente e subsidiaria, sen saída, eternamente en crise e incapaz de se rexer autonomamente.

Mais iso non nos pode converter en cidadanía estática, pasiva, morta, porque somos conscientes de que a carencia de dignidade dos gobernantes de hoxe, a nivel estatal e autonómico, con sesgo tamén connivente moitas veces a nivel local, precisa de accións sociais vivas como é esta convocatoria multicolectiva de Radio Buguina, que nos brinda a oportunidade de confluírmos nunha unión de forzas irrenunciábeis fronte aqueles que procuran un país empobrecido, anulando as súas forzas humanas e naturais.

A historia da literatura galega recolle as voces do traballo en proclamas protagonistas. Así, as condicións míseras e infrahumanas da clase traballadora maioritaria no noso país, baseadas nunha (sen)razón de desigualdade socio-económica, son denunciadas nos versos de Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Valentín Lamas Carvajal en pleno século XIX; debuxadas e caricaturizadas polo mestre Castelao na primeira metade do XX; reflectidas en voz alta polo “Monólogo do vello traballador” de Celso Emilio Ferreiro, no irónico “Breve manual para deprender para señorito” ou naqueloutro poema seu intitulado “Obreiros” cuxos versos finais aseveran “Vós facedes camiñar por diante/ao mundo, facédelo avantar”.

A lembranza poética ferriniana sitúanos perante “das dúas rosas no ferrol de / ferro” alusivas ao asasinato dos obreiros Daniel Niebla e Amador Rey durante as folgas de 1972 a falaren por si propias como testemuños imperecedoiros dun tempo; máis unha vez este dramático pasado convértese en atemporalidade no poema-foto fixa de Novoneyra tamén dedicado a eles:

ERGUÉSTESVOS cedo aquel día/o costume do traballo/mañá cediño para facernos ca vosa morte.

A renovación narrativa galega da segunda metade do XX tamén non permaneceu allea aos conflitos sociais obreiros. Amor de tango, de Mª Xosé Queizán, convértese na novela das mulleres que durante os esperanzados anos 20 e 30 foron rapazas activas, ilusionadas e decididas a descubrir o mundo; a novela das traballadoras que espertaron á vida naquela urbe pioneira, atlántica e liberal que era o Vigo de preguerra; a novela das obreiras das fábricas de sardiñas que están estreitamente ligadas ao desenvolvemento industrial da cidade e da ría veciña.

Autores e autoras de Ferrolterra non viraron as costas ao territorio vivencial e a súa problemática. Xoana Torres reconstruía en Adiós María a historia dunha moza filla dun traballador botado ao paro e empurrado á emigración; a crise individual e familiar como metonimia da crise social, colectiva.

Dedicatoria premonitoria de Xavier Alcalá lemos en Fumes de papel “Á Ferrolterra da miña infancia, onde puido ter acontecido -e aínda pode acontecer- o que a seguir se relata” neste espazo de noso onde o pobo se ve imposibilitado para explotar os recursos do país e xerar a riqueza que lle asegure a súa autonomía baixo “a sombra do capital foráneo sustentado en vontades colonizadoras dun pobo de almas rendidas”.

As obras literarias son radiografías dunha época, documento social do seu tempo. A historia dos pobos non se entende totalmente sen ter lido as producións literarias dos seus autores. “Non existe un pobo con alma sen poetas que o canten; os dramaturgos son algúns deses poetas” díxonos Roberto Vidal Bolaño.

E hoxe seguen a fotografar a nosa realidade próxima poetas como Alfredo Ferreiro ao nos lembrar que “Somos do metal central do mundo”
“O meu brazo obreiro naceu aquí, 
no interior dunha luva ignífuga, 
a carón do lume e o vapor de auga, 
decidido a resistir os embates do ferro 
que do meu sangue ascendía 
aos meus ollos sorprendidos e virxes.

“En canto alguén comprende que obedecer leis inxustas é contrario á súa dignidade de ser humano, ningunha tiranía pode dominalo”, sentenciou Gandhi.

Os escritores e as escritoras somos xente de paz e diálogo. Coa palabra defendémonos da intolerancia e a desigualdade, da mentira, da opresión encadeada ao medo e o non respecto aos dereitos da cidadanía. Coa palabra e co acompañamento presencial reivindicamos traballo e saúde de futuro con DIGNIDADE para o Ferrol do Naval e o Desemprego, matria natural do Socio de Honra da AELG, Ricardo Carvalho Calero.

É por iso que, perante este contexto de emerxencia social, onde a crise é convertida intereseiramente na gadaña amezadora para a clase traballadora, consideramos necesario difundir un chamado aos escritores e escritoras en lingua galega de hoxe e mais ao conxunto da sociedade para participaren na Carga de dignidade que o plural Colectivo Radio Buguina ten convocada para o domingo 2 de xuño, na Porta do Estaleiro, no ferrolán barrio de Esteiro. Unha acción artística popular que aspira a ser un convite para seguirmos o exemplo daqueles traballadores e traballadoras do sector naval que nun arrouto de dignidade penduraron os seus buzos de traballo na reixa da factoría de Navantia. Este próximo domingo, cadaquén coa súa peza de roupa para pendurar, colaborará para dar continuidade a ese monumento colectivo á dignidade.

Mercedes Queixas

No hay comentarios:

Publicar un comentario