lunes, 22 de abril de 2013

"Carga de Dignidade"

Este foi o chamamento - proposta, que realizaron en Ferrol, parte dos creativos que no seu día formaron a "Burla Negra" pola catástrofe do Prestige, agora conformados como Radio Buguina.

A proposta foi recollida polos representantes sindicais, políticos, colectivos, e asociacións, alí representadas, esta foi levada e presentada por parte destes compañeir@s aos seus respectivos foros de debate internos, e esta foi aprobada por unanimidade.

Desta forma conformouse unha mesa de traballo para levar a cabo a acción.



Chamamento - proposta
A arte non é só unha cuestión formal, a arte é tamén unha cuestión social. O colectivo de artistas e creadores agrupados en Radio Buguina entendemos que a invención creativa pode ser unha potente ferramenta ao servizo dos movementos sociais, das persoas.

É por este motivo que nos diriximos ao conxunto de forzas sindicais, políticas e sociais de Ferrolterra propoñendo a convocatoria dunha acción popular que chame a seguir o exemplo daqueles traballadores da Bazán, que nun arrouto de dignidade penduraron os seus buzos de traballo na reixa que cerca a factoría.

"A roupa deshabitada, espetada ou cinxida aos ferros, é a metáfora dos corpos desaloxados, expulsados do espazo de traballo. As pezas de roupa están baleiras, o corpo está ausente, pero o vento móveas, o sol ilumínaas: son pezas con alma. Todas son iguais, pero cada unha ten expresión propia". 

Queremos propoñer unha acción que chame á participación de todo o corpo social; non é só o sector naval, é toda a cidadanía a que sofre a crise, a que padece a burla negra. Propoñemos unha participación na que todos aportemos a nosa roupa. Chamamos a encher a reixa toda, nun día sinalado, nunha acción coordinada e apoiada por grupos que axuden aos cidadáns a colocar as súas pezas de roupa.

Velaquí unha intervención lúdica, diferente á manifestación que todos os días ten que percorrer as nosas cidades. Velaquí un acontecemento que debe suscitar a participación popular, que debe interesar aos medios de comunicación, que debe renovar as formas da nosa indignación.

Chamamos a participar nun acontecemento, pero tamén a construir un monumento. Será unha obra efémera, pero durante un tempo mostrará a reixa da Bazán cargada coa roupa de todos, cargada de dignidade.


ORGANIZADORES:

Radio Buguina

Comités de Empresa de Navantia e delegados/as da Industria Auxiliar.

Sindicatos:
Comisións Obreras (CC.OO), Confederación Intersindical Galega (CIG), Unión Sindical Obreira (USO), Union Sindical de Traballadores de Galicia (USTG), Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UXT-UGT). 

Partidos políticos:
ANOVA, Bloque Nacionalista Galego (BNG), Compromiso por Galicia (CxG), eQuo, Espazo Ecosocialista Galego (EcoSoGal), Esquerda Unida (EU-IU), Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG-PSOE).

Outros colectivos sindicais e movimentos políticos:
Mocidade Nacionalista Galega (MNG), Sindicato de Estudantes,Sindicato de Traballadores do Ensino de Galiza (STEG).

Asociacións e Colectivos:
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Asociación Unificada de Militares Españois (AUME), A. C. Fuco Buxán, A. C. Lefre de Caldereta, A. C. Lendo Poesía, A. C. Medulio, Asociación Galega de Vitimas do Amianto (AGAVIDA), Asociación Memoria Histórica Democrática, Ateneo Ferrolán,Colectivo Acción Directa de Recuperación de Espazos Públicos, Colectivo Ártabra 21, Colectivo Sociocultural A Revolta de Trasancos, Federación Veciñal de Ferrol (Roi Xordo), Marcha Mundial das Mulleres, Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública Ferrol, Rádio FilispiM.